Bon día compañeiros e compañeiras,
No día de onte reunímonos en Madrid, a petición da nosa federación estatal, tanto a executiva da sección sindical Intercentros, coma as respectivas federacións de Galicia, Murcia, Andalucía e Madrid, coa clara intención de marcar unha nova estratexia das CCOO en Navantia que comprometa a cada un dos centros de traballo nunha posición común para confrontar sen fisuras coa dirección de Navantia.
Todas e cada unha das persoas presentes entendemos que a actual dirección xa non ten capacidade negociadora, por moi boas intencións que amose o presidente de Navantia. Recordemos que as CCOO de Navantia Ferrol XA anticiparon na rolda de asembleas parciais previa ó referendo que os tempos de negociación estaban esgotados, algo que a propia xefa de RRHH explicou na reunión do comité Intercentros do día 7 de xullo, que aínda que non se negan a sentarse a negociar sentenciou claramente que non podían sobrepasar os límites establecidos na proposta de convenio presentada.
Ante esta situación, a estratexia que estase a impoñer dende algunhas organizacións sindicais e totalmente inasumible para as CCOO. Mendigar unha reunión á dirección minutos despois de pedir o seu cese nunca foi a folla de ruta da nosa organización. As CCOO entendemos que debe de ser a dirección a que intente retomar as negociación, pero ese escenario témolo que arrincar na rúa con mobilizacións e presión nas fábricas.
As actuais medidas que aprobáronse no comité Intercentros están totalmente fora de lugar. Intentar unha concentración en SEPI sen permisos e en período electoral parece mais propio dun partido da oposición que dunha RLT seria. Estamos totalmente convencidos de que con SEPI en funcións e Navantia totalmente desacreditada para mover os límites da negociación, esta acción é malgastar unha bala que noutro momento podería ser determinante.
Por non dicir que un calendario de mobilizacións cunha mobilización sorpresa esta semana e continuando en setembro parece un desgaste maior para o conxunto dos planteis que para a propia dirección.
Para as CCOO de toda Navantia agora toca rearmarse, establecer unha nova mesa negociadora froito da renovación dos órganos de representación dos traballadores e traballadoras, e establecer un calendario de mobilizacións e medidas de presión para confrontar co goberno que salga o día 23 de xullo.
A solución pasa por defender esa confrontación dende tódolos centros de traballo sen fisuras, e ese é o compromiso que adquirimos as CCOO cos nosos compañeiros e compañeiras.
Recibide unha cordial aperta