CONVENIO COLECTIVO (BOP Número 128 – Jueves, 4 de julio de 2024)
Resolución pola que se inscribe e se ordea publicar o convenio colectivo do sector da pintura para a Provincia da Coruña 2022-2026 (código de convenio 15001185011981)
O 23 de abril de 2024 tivo entrada no rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da aplicación informática REGCON, a solicitude de inscrición e publicación do convenio colectivo do sector da pintura para a provincia da Coruña 2022-2026 (código de convenio 15001185011981).
Son de aplicación os artigos 90 e concordantes do Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores e os artigos 2.1 e concordantes do Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, así como a Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Despois da revisión e análise da documentación presentada, tanto na solicitude como nas respostas ás comunicacións de emenda que lle remitiu persoal deste órgano directivo territorial á representación da comisión negociadora, considérase oportuno inscribir e ordear publicar este convenio, no marco da competencia establecida polo Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 101, de 27 de maio de 2024).
De acordo con todo o indicado, RESOLVO:
1. Inscribir o referido convenio colectivo no rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Ordear a remisión do texto deste convenio colectivo ao Boletín Oficial da Provincia da Coruña para a súa publicación.
A Coruña, 28 de xuño de 2024
O director do departamento territorial de Emprego, Comercio e Emigración
Juan José Couce Prego
CONVENIO COLECTIVO DE PINTURA PARA A PROVINCIA DA CORUÑA ANOS 2022-2026
I) EXTENSIÓN E VIXENCIA
Artigo 1º. Extensión.
Este convenio é de aplicación a todo o persoal ao servizo das empresas encadradas no CNAE 4334, Pintura e acristalamento, con centros de traballo da provincia da Coruña (sexa cal sexa o seu domicilio social), que se dedican principalmente ás seguintes actividades:
· Pintura interior e exterior de edificios.
· Pintura de obras de enxeñaría civil.
Exclúese da aplicación obrigatoria do Convenio ás empresas do mesmo CNAE que, reunindo as demais condicións anteriores, se dedican principalmente ás seguintes actividades:
· Instalación de vidros, espellos, etc.
· Recubrimentos de xanelas e acristalamentos con capa adherente.
Artigo 2º. Vixencia.
O Convenio entrará en vigor o día da súa publicación, aínda que os seus efectos económicos empezarán a rexer a partir do 1 de xaneiro de 2022 e a súa vixencia será desde 1 de xaneiro de 2022 ao 31 de decembro de 2026.
II) PRÓRROGA
Artigo 3º. Denuncia automática.
Ambas as partes comprométense a iniciar a negociación dun novo Convenio con dous meses de antelación á finalización da súa vixencia.
O Convenio Colectivo manterá a súa vixencia ata a entrada en vigor dun novo Convenio que o substitúa.
Artigo 4º. Respecto de Dereito.
Respectaranse a todo o persoal as situacións persoais actualmente consolidadas en canto determinen maiores dereitos dos concedidos por este Convenio, respecto das materias obxecto da súa regulación.
Artigo 5º. Compensación e absorción.
Sen prexuízo de que se poidan estender a calquera situación persoal as melloras establecidas no Convenio e mesmo amplialas, as Empresas que veñan aboando salarios superiores aos regulamentariamente esixidos, non estarán obrigadas a aplicar as elevacións que por estas estipulacións se fixan, máis que na medida necesaria para suplir diferenzas. Así mesmo, as melloras establecidas no Convenio serán compensables ou absorbibles por calquera elevación salarial que por disposición legal se puidese establecer.
Artigo 6º. Garantía persoal e condición mínima.
Serán respectadas as condicións superiores pactadas con anterioridade a este Convenio, ou que se pacten durante a súa vixencia, con persoas ou grupo de persoas, polas Empresas afectadas por el, sempre que no seu conxunto ou cómputo anual superen as establecidas por este Convenio, debido á condición que ten de normas mínimas de relación, tanto no que se refire ao social como no económico.
De acordo co art. 84 do Estatuto dos Traballadores, durante a vixencia do Convenio a regulación das condicións deste poderán verse afectadas por un convenio de Empresa, que se poderá negociar en calquera momento, e terá prioridade nas seguintes materias:
a) O aboamento ou a compensación das horas extraordinarias e a retribución específica do traballo a quendas.
b) O horario e a distribución do tempo de traballo, o réxime de traballo a quendas e a planificación anual das vacacións.
c) A adaptación ao ámbito da empresa do sistema de clasificación profesional do persoal.
d) A adaptación dos aspectos das modalidades de contratación que se atribúen por esta Lei aos convenios de empresa.
e) As medidas para favorecer a conciliación entre a vida laboral, familiar e persoal.
f) Aqueloutras que dispoñan os acordos e convenios colectivos a que se refire o artigo 83.2.
Artigo 7º. Normas complementarias.
No que non estea previsto neste Convenio estarase ao que dispón o Estatuto dos Traballadores e demais disposicións vixentes.
III) CONDICIÓNS ECONÓMICAS
Artigo 8º. Incremento salarial.
Páctase un incremento salarial para o ano 2024 dun nove por cento (9%) calculándose este sobre as táboas salariais revisadas ao 31 de decembro de 2021 e publicadas no BOP núm. 61 do 30/03/22, excepto antigüidade, quedando establecidas as retribucións nas cantidades que figuran no Anexo I deste Convenio.
As categorías de «Oficial Administrativo/a 2ª» e «Auxiliar Administrativo/a» están topadas polos seus correspondentes niveis nas táboas da construción da Coruña, por iso a porcentaxe de incremento queda algo por baixo do 9% que se aplica ás demais Categorías deste Convenio.
As empresas que paguen cantidades a conta do Convenio poderán compensalas coas establecidas neste, no anexo I.
Os atrasos a pagar quedan fixados nas cantidades que se reflicten nas Táboas Salariais de 2024 para cada unha das categorías.
Os atrasos poderán ser aboados a partir do asinamento deste convenio, aínda que se fixa como data tope a dun mes despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
As Táboas Salariais para 2025 e 2026 serán fixadas pola Comisión Paritaria do Convenio.
Artigo 9º Cláusula de Garantía Salarial para o ano 2024.
Se o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) ao 31 de decembro de 2024 supera o dous por cento (2%), efectuarase unha revisión económica sobre o exceso do devandito tanto por cento, excepto antigüidade, que se aboará en canto se constate o incremento do IPC con efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2024.
Con todo, ningunha categoría salarial do Convenio de Pintura poderá superar á correspondente nas Táboas Salariais de Construción, polo que terán ese tope de suba.
Artigo 9º. Prima de asistencia e puntualidade.
Establécese unha prima de asistencia e puntualidade, por día efectivo de traballo no ano 2024 de 8,40 euros para os Peóns, de 9,72 euros para os Axudantes e de 10,64 euros para os Oficiais de 1ª e de 2ª.
Este plus de asistencia e puntualidade perderase nas circunstancias e contías seguintes:
1. A primeira falta sen xustificación será penalizada con perda de 1’5 días de prima, ademais do salario correspondente ao día da falta.
2. A segunda falta será penalizada coa perda de cinco días de prima, ademais do salario correspondente ao día da falta.
3. Por cada nova falta será penalizada coa perda da prima correspondente á metade dos días traballados no mes, ademais do salario ou salarios da nova ou novas faltas.
4. As faltas deben computarse sempre de cada mes natural.
Artigo 10º. Antigüidade.
A antigüidade na Empresa será retribuída a razón de dous bienios e tres quinquenios, por día natural, segundo a seguinte táboa:
– Oficiais de 1ª e 2ª: Bienio 0,18 euros
– Axudantes e peóns: Bienio 0,17 euros
– Oficiais de 1ª e 2ª: Quinquenio: 0,36 euros
– Axudantes e peóns: Quinquenio: 0,35 euros
Artigo 11º. Plus de Altura.
Todo o persoal que realice traballos en andamios voantes percibirá unha gratificación no ano 2024 de 2,70 euros, por día ou fracción. En andamios de tubos percibirase esta gratificación a partir dos seis metros de altura.
Artigo 12º. Desprazamentos temporais fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
1. Este artigo regula os desprazamentos temporais do persoal de empresas afectadas por este Convenio para a realización de traballos en obras concretas localizadas fóra da Comunidade Autónoma de Galiza.
2. Cumprimento do Convenio colectivo e das normas vixentes. Nas obras incluídas nestes supostos as empresas deberán vixiar polo cumprimento estrito do establecido neste Convenio ademais da lexislación propia do país de destino, observando sempre, en caso de haber diverxencias entre elas, a condición máis beneficiosa para o persoal desprazado.
3. Tempo de viaxe. O tempo de viaxe desde o domicilio da persoa traballadora ata a obra obxecto de desprazamento será considerado para todos os efectos tempo de traballo efectivo.
4. Por cada 3 meses de desprazamento continuado a persoa traballadora terá dereito a un permiso de 4 días laborais retribuídos no seu domicilio de orixe. Os días de descanso deberán facerse efectivos dentro do prazo de 15 días naturais inmediatamente posteriores á data de vencemento de cada período de 3 meses de desprazamento.
Por acordo individual poderá pactarse a acumulación destes días podendo engadirse ao período de vacacións.
Non interromperá o cómputo dos 3 meses de desprazamento as estadías da persoa traballadora ao seu lugar de residencia por períodos inferiores a 48 horas, sen posibilidade de facer noite no seu lugar de residencia habitual.
5. Gastos de viaxe e estadía. Todos os gastos de viaxe e estadía derivados do desprazamento asumiranse proactivamente pola empresa. A empresa asumirá tamén as viaxes alleas á vontade da persoa traballadora, como cursos formativos, recoñecementos médicos, consultas e probas médicas, etc.
6. Licenzas retribuídas. A empresa garantirá que durante os desprazamentos o persoal poidan acollerse ás licenzas retribuídas previstas neste Convenio.
7. Vacacións. Todo o persoal desprazado terá dereito aos períodos vacacionais previstos nesta norma.
8. Prevención de riscos laborais. Cumprirase nas obras o que obriga a lexislación sobre prevención de riscos laborais.
9. Fiscalidade máis beneficiosa. Todo o persoal desprazado en países que prevexan beneficios fiscais ou sociais para os operarios estranxeiros (7P, etc.) terá dereito a que as empresas lles faciliten a documentación precisa para acollerse a estes supostos.
10.Representación sindical. A empresa dispoñerá dos medios técnicos e loxísticos para facilitar a participación do persoal desprazado nos procesos electorais das empresas coas máximas garantías, garantindo o dereito a información, concorrencia e voto secreto de todo o cadro de persoal.
Artigo 13º. Axudas de custo e desprazamentos.
O persoal que realice traballos fóra da súa localidade ou residencia e teña necesidade de facer noite no lugar de traballo percibirá unha axuda de custo no ano 2024 de 33 euros diarios, ademais de 2 euros mensuais para lavado de roupa no ano 2024.
O persoal que estea traballando fóra da súa localidade ou residencia, a máis de 10 km de distancia, e non teña necesidade de facer noite no lugar de traballo, percibirá unha media axuda de custo de 10 euros diarios no ano 2024.
O persoal que estea traballando fóra do concello a menor distancia de 10 kms percibirá unha saída de 3,50 euros diarios no ano 2024.
Artigo 14º. Xornada laboral.
A xornada semanal será de 40 horas, distribuídas de luns a venres, ambos incluídos, aboándose a nómina mensualmente.
O total de horas anuais será de 1.744 en 2024. O calendario laboral de 2024 xa foi aprobado e publicado no BOP núm. 222 do 21/11/23.
No ano 2025 o total de horas anuais será tamén de 1.744. E no ano 2026 o total de horas anuais reducirase a 1.736.
Artigo 15º. Roupas de traballo.
A todo persoal afectado por este Convenio seralle facilitado polas súas respectivas empresas un mono ou faena de traballo de primeira calidade, cada ano. En caso de traballo que así o requira, entregarase outro máis.
Artigo 16º. Licenzas con soldo.
Todo o persoal afectados por este Convenio terán dereito a permisos, percibindo o importe do salario diario, antigüidade e plus de asistencia nos casos seguintes:
1. Matrimonio da persoa traballadora: Quince días naturais retribuídos.
2. Falecemento: En caso de falecemento de cónxuxe, pai/nai, pais/nais políticos/as, fillos/as e irmáns/ás, será sempre de cinco días, para todo o persoal. En caso de tíos/as, será de dous días.
3. Nacemento de fillo/a: Será o que sinale a Lei en cada momento.
En todo caso estarase ao disposto no art. 37 do Estatuto dos Traballadores.
Artigo 17º. Complemento Plus de Transporte.
Estipúlase a seguinte retribución económica en concepto de plus de transporte para todas as categorías de 9,90 euros por día efectivo de traballo no ano 2024.
Artigo 18º. Vacacións.
Serán de trinta días naturais, percibindo durante estas o salario diario, antigüidade e plus de asistencia correspondente aos días que, de estar a traballar, percibise a persoa traballadora. En todo caso, as vacacións poderán gozarse en dous períodos de 15 días, que de non haber acordo sobre o período do seu goce, 15 días poderán ser escollidos pola persoa traballadora e outros 15 polo/a empresario/a, todos eles naturais.
Artigo 19º. Pagas do Nadal e o verán.
Serán de trinta días cada unha e aboaranse do salario diario do Convenio e antigüidade. A paga do verán cobrarase no mes de xullo e a do Nadal antes do 24 de decembro. O seu importe é o que figura no Anexo I do Convenio.
As devanditas pagas non poderán ser prorrateadas nos novos contratos.
Artigo 20º. Rendementos.
Establécese a seguinte táboa de rendementos mínimos:
IV) COMISIÓN PARITARIA
Artigo 21º.
Constitúese unha Comisión Paritaria. Compoñerase de catro vogais, 2 polo persoal e 2 polo empresariado, e ambos/as pertencentes á Comisión Deliberadora do Convenio. Para a adopción de acordos será necesaria a conformidade de tres vogais, polo menos, en igualdade paritaria.
Artigo 22º.
Para os efectos de liquidar de maneira efectiva as discrepancias que poidan xurdir para a non aplicación das condicións de traballo a que se refire o Art. 82.3 do Estatuto dos Traballadores seguiranse os procedementos que se establezan a este respecto nos acordos interprofesionais de ámbito estatal ou autonómico, e conforme o disposto no referido Artigo.
1. Esta Comisión Paritaria terá as seguintes funcións:
a) Vixilancia e seguimento do cumprimento deste Convenio.
b) O coñecemento e resolución das cuestións derivadas da aplicación e interpretación da totalidade dos preceptos deste Convenio.
c) A instancia dalgunha das partes, mediar e/ou tentar conciliar, se é o caso, e previo estas e a solicitude delas, arbitrar en cantas ocasións e conflitos, todos eles de carácter colectivo, se poidan suscitar na aplicación do Convenio.
d) Entender, de forma previa e obrigatoria á vía administrativa e xurisdicional, sobre a formulación de conflitos colectivos que xurdan pola aplicación e interpretación deste Convenio.
2. As cuestións propias da súa competencia que se formulen á Comisión Paritaria deberán presentarse de forma escrita, e o seu contido será o necesario para que poida examinar e analizar o problema con coñecemento de causa, debendo ter como contido mínimo obrigatorio:
a) Exposición sucinta e concreta do asunto.
b) Razóns e fundamentos que entenda que lle asisten ao propoñente.
c) Proposta ou petición que se formule á Comisión.
Ao escrito de consulta acompañaranse cantos documentos se entendan necesarios.
3. A Comisión Paritaria, unha vez recibido o escrito de consulta ou, de ser o caso, completada a información pertinente, dispoñerá dun prazo non superior a 20 días hábiles para emitir a correspondente resolución.
De non haber acordo realizarase informe no que as persoas integrantes da Comisión recollerán as consideracións que, respectivamente, formulen para fundamentar as súas respectivas posicións.
4. Nos supostos en que a Comisión Paritaria non alcance acordo trasladarán, de ser o caso, as discrepancias ao AGA.
V) DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira. As retribucións e táboas de rendemento incluídas neste Convenio forman parte inseparable del, e terán forza de obrigar en cada actividade.
Segunda. Complemento de Hospitalización. No caso de accidente laboral ocorrido no centro de traballo e en horario de traballo, e que dea lugar a hospitalización, a Empresa aboará un complemento que, sumado ás prestacións regulamentarias por incapacidade temporal, garanta o cento por cento do salario base do convenio, plus de asistencia e plus de distancia e transporte fixados na Táboa de Retribucións (anexo I) deste Convenio e durante un período máximo de seis meses, salvo que finalice antes do contrato de traballo ou a obra.
Para a obtención do mencionado complemento diario, utilizarase a seguinte fórmula:
Sendo:
– C. = Complemento diario
– S.C. = Salario Base Convenio diario
– P.A.= Plus Asistencia
– P.DT= Plus de Distancia e Transporte
– P.R. = Prestación Regulamentaria día
– r = Resultado
Cando o resultado da aplicación da fórmula descrita sexa negativo, non procederá aboar complemento ningún.
No caso dunha I.T. derivada de accidente laboral producido no centro de traballo e en horario laboral, o importe das pagas extraordinarias, correspondentes ao seis primeiros meses da baixa, non poderán ser inferiores ao importe que para a súa categoría e nivel figura nas táboas salariais do convenio no seu anexo I.
Terceira. As Empresas virán obrigadas a concertar con primas íntegras ao seu cargo, no prazo de dous meses, unha vez homologado este Convenio, unha póliza de seguros en orde á cobertura dos riscos de falecemento e invalidez permanente absoluta ou gran invalidez, nos termos que seguidamente se dirán, do seu persoal por accidentes de traballo, incluídos os accidentes in itinere, que garanta á persoa traballadora accidentada ou aos seus causahabientes no caso de falecemento ou invalidez permanente producido por causa fortuíta espontánea exterior e independente da vontade da persoa traballadora, á percepción da indemnización seguinte:
· 40.000,00 euros en caso de falecemento da persoa traballadora por accidente de traballo.
· 50.000,00 euros en caso de invalidez permanente absoluta ou grande invalidez.
Esta compensación é compatible coa pensión e indemnización que poida causar a persoa traballadora na Seguridade Social. Malia o exposto anteriormente, a indemnización que sexa percibida con cargo ao contrato de seguro de accidentes que voluntariamente se contén neste Convenio, considerarase como entrega a conta da indemnización que, de ser o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os Tribunais de Xustiza, compensándose ata onde aquel alcance.
Cuarta. Contratación. Estarase ao disposto na lexislación vixente. En canto aos contratos fixos discontinuos, fíxase unha limitación máxima de 6 meses de inactividade entre os chamamentos.
Quinta. Empresas de Traballo Temporal ou de Multiservizos. As empresas afectadas por este convenio cando contraten os servizos de empresas de Traballo Temporal ou de Multiservizos garantirán que o persoal posto á súa disposición teñan os mesmos dereitos sociais, laborais e retributivos que lles corresponden ao seu persoal en aplicación do convenio colectivo provincial de Pinturas. Esta obriga constará expresamente no contrato de posta a disposición celebrado entre a empresa de traballo temporal e a empresa usuaria que estea vinculada por este convenio.
Sexta. Pintura Industrial de Chorreo. A empresa proporcionará polo menos dous monos ao ano e algún máis, por se fose necesario, por deterioración dos anteriores. Así mesmo, dotará ao/á chorreador/a dun escafandro homologado para desenvolver o traballo de limpeza mediante proxección de abrasivo seco. Este escafandro estará en bo estado, tendo a alimentación de aire protexida mediante filtro con cartucho filtrante para eliminación de aceites e humidade excesiva e, ademais, estará dotada dunha válvula dosificadora que axuste o volume de entrada de aire.
A empresa proporcionará ao/á operario/a chorreador/a, ademais do equipo citado, botas e luvas adaptadas ao traballo a realizar. Procurarase que estes equipos persoais sexan utilizados por unha soa persoa traballadora, quen devolverá o citado equipo cando abandone a empresa ou estea deteriorado e solicite outro para o seu cambio.
O persoal de chorreo percibirá unha gratificación de 4 € por día efectivo de traballo no ano 2024, compensable e absorbible con calquera outra retribución ou incentivo que viñese percibindo polo mesmo ou similar concepto.
Sétima. O persoal que cese durante a vixencia do Convenio terá dereito a percibir, como atrasos, o tanto por cento que se determine a primeiros de ano entre a representación sindical e patronal, que terá como base o IPC previsto polo Goberno, calquera que sexa o aumento que se pacte no Convenio e compensable coas retribucións superiores que puidese percibir.
Oitava. Establécese o dereito das empresas afectadas polo Convenio a recuperar, ben á conta das vacacións, ou ben con calquera outro día laboral, os días de descanso que concedesen ao seu persoal en datas non establecidas no artigo 14 deste Convenio.
Novena. Igualdade de oportunidades e non discriminación. As partes expresan o seu compromiso en coa igualdade de oportunidades. Nesta materia estarase ao disposto na lexislación vixente.
Décima. Plan de Pensións.
Establécense nun Anexo II as Táboas de Achegas Provinciais ao Plan de Pensións, para adaptar no Convenio provincial de Pintura o Convenio Xeral no cumprimento do seu Artigo 28º do Libro III sobre o Plan de Pensións:
– En 2022, dun 1,00 por cento do importe dos conceptos salariais das táboas de 2021 do convenio colectivo que resulte de aplicación, se a persoa traballadora prestase servizos durante todo o ano 2022 a tempo completo ou, no seu defecto, da parte proporcional correspondente.
– En 2023, dun 1,00 por cento do importe dos conceptos salariais das táboas de 2021 do convenio colectivo que resulte de aplicación, se a persoa traballadora prestase servizos durante todo o ano 2023 a tempo completo ou, no seu defecto, da parte proporcional correspondente.
– En 2024, dun 1,00 por cento do importe dos conceptos salariais das táboas de 2021 do convenio colectivo que resulte de aplicación, máis un 0,25 por cento do importe dos conceptos salariais das táboas de 2023 do convenio colectivo que resulte de aplicación, se a persoa traballadora prestase servizos durante todo o ano 2024 a tempo completo ou, no seu defecto, da parte proporcional correspondente.
Neste Convenio, como non se realizaron as táboas salariais de 2023, aplicouse ese 0,25% ás táboas salariais de 2024.
As empresas terán que comezar a realizar as contribucións mensuais do persoal a partir do mes seguinte á publicación no BOP do Convenio, seguindo as instrucións establecidas na aplicación Aporta+ de Vida Caixa. E dispoñerase dun prazo de 90 días para realizar o pagamento dos atrasos devindicados desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a publicación no BOP deste Convenio.
VI) DISPOSICIÓN TRANSITORIA
A Comisión Paritaria acordará para os anos 2025 e 2026 as táboas salariais, os pluses, as achegas ao Plan de Pensións e establecerá o Calendario Laboral correspondente.
TÁBOAS.
REVISIÓN SALARIAL (BOP NÚMERO 168 – LUNES, 2 DE SEPTIEMBRE DE 2024)
Servizo de Emprego, Relacións laborais, Traballo Autónomo e Economía Social Resolución pola que se inscribe e se ordena publicar o acordo da comisión paritaria do convenio colectivo do sector da pintura na Provincia da Coruña.
O 17/07/2024 tivo entrada no rexistro de acordos e convenios colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (REGCON) a solicitude de inscrición do acordo da comisión paritaria do convenio colectivo do sector da pintura na provincia da Coruña (localizador MY42MJ77).
Consonte o artigo 22º do convenio colectivo do sector da pintura para a provincia da Coruña 2022-2026, código 15001185011981 (BOP núm. 128, de 4 de xullo do 2024), a comisión paritaria ten entre as súas funcións a de coñecer e resolver as cuestións que deriven da aplicación e interpretación do que preceptúa o referido convenio.
Despois de que se recibise a resposta á comunicación de emenda emitida por persoal deste órgano de dirección territorial, consonte o Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, así como na Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e ao abeiro do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, pode procederse a inscribir e publicar o contido do referido acordo, de xeito que RESOLVO:
1. Inscribir o acordo da comisión paritaria do convenio colectivo do sector da pintura na provincia da Coruña (localizador MY42MJ77) no rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Ordenar que se remita, para a súa publicación, ao boletín oficial da provincia da Coruña.
A Coruña, 27 de agosto de 2024.
O director do Departamento Territorial da Coruña.
Juan José Couce Prego.
COMISIÓN PARITARIA CONVENIO PINTURA – PROVINCIA DE A CORUÑA.
En la ciudad de A Coruña, a 31 de julio de 2024, siendo las 16,00 horas, se reúnen en los locales de APECCO, las personas que arriba se relacionan, a fin de tomar un acuerdo con respecto a las Tablas salariales del año 2024 publicadas en el BOP de fecha 04-07-2024.
Acuerdo único: Se acuerda por unanimidad, la incorporación de los atrasos a dicha tabla de retribuciones, que por error quedaron fuera de la publicación en el Boletín.
Se faculta a Miguel García Eiroa, Secretario, para la presentación de esta Acta ante el Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a efectos de su publicación en el Boletín Oficial de la Provincia.
Y en prueba de conformidad, se firma la presente en el lugar y fecha más arriba indicados.
