Convenio Colectivo Distribución de Butano de Lugo

Características

Afecta a miles de trabajadores
Vigencia:
1999/01/01 - 2008/12/31

Duración: DIEZ AÑOS

Publicación:

2007/07/24

BOP 170

Ámbito: Provincial
Área: Lugo
Código: 27000015011981
Actualizacion: 2007/07/24
Convenio Colectivo Distribución De Butano. Última actualización a: 24-07-2007 Vigencia de: 01-01-1999 a 31-12-2008. Duración DIEZ AÑOS. Última publicación en BOP 170.

El contenido puede mostrar el convenio anterior (comparar), revisa el índice para ir al actual.

Tabla de contenidos

Índice

CONVENIO COLECTIVO (BOP Núm. 170 – Martes, 24 de Julio de 2007)

Exp. 014-2007 (Código 2700015).

Visto o texto do convenio colectivo para o sector «DISTRIBUCIÓN DE BUTANO DE LUGO», asinado o día 19 de xuño de 2007, pola representación da Asociación Provincial de Empresarios de Distribución de Butano de Lugo e das centrais sindicais C.I.G. (50%), U.G.T. (50%) e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2 e 3 do Real Decreto Lexislativo 1/95, do 24 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, e no Real Decreto 1.040/81, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

ESTA DELEGACIÓN PROVINCIAL, ACORDA:

PRIMEIRO: Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta Delegación, así como o seu depósito.

SEGUNDO: Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

TERCEIRO: Dispoñe-la súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Lugo, 10 de xullo de 2007.- O DELEGADO PROVINCIAL, José Miguel Vázquez Calvo.

CONVENIO COLECTIVO PROVINCIAL DE DISTRIBUCIÓN DE BUTANO DE LUGO.

I.- DISPOSICIÓNS DE CARÁCTER XERAL.

ARTIGO 1º. ÁMBITO FUNCIONAL.

O presente convenio de Distribución de Butano será de aplicación para todas as empresas cuxa actividade rexa as súas relacións de traballo pola Ordenanza Laboral de Butano, SA, e Axencias Distribuidoras, publicada no BOE de 8- VIII-1974.

ARTIGO 2º. ÁMBITO PERSOAL.

Quedan comprendidos neste convenio todos os traballadores das empresas incluídas no seu ámbito funcional coa excepción dos menores de 16 anos, dos que queda prohíbida a sua contratación.

ARTIGO 3º. ÁMBITO TERRITORIAL.

As disposicións do presente convenio rexerán para as empresas de Lugo e provincia, incluídas, no ámbito funcional e persoal, aos seus traballadores, e para aquelas outras que tendo un domicilio noutra provincia os seus traballadores presten servizos nesta.

Así mesmo, quedan obrigadas cantas empresas podan constituirse nun futuro na provincia de Lugo e queden enmarcadas no ámbito funcional do presente texto.

ARTIGO 4º. VIXENCIA DURACIÓN E DENUNCIA.

O presente convenio ten vixencia dende o 1 de xaneiro de 1999 e ata o 31 de decembro de 2008; sendo preceptiva a denuncia por algunha das partes, cunha antelación mínima dun mes á data de caducidade. Para a percepción de atrasos estarase ao determinado na cláusula adicional primeira do presente texto.

ARTIGO 5º. COMISIÓN MIXTA PARITARIA.

Constitúese unha Comisión Mixta Paritaria entre as partes asinantes deste Convenio Colectivo, composta por dous asinantes de cada parte (1 da CIG , 1 de UGT e 2 da Representación Empresarial). Esta comisión cumprirá as funcións de aplicación do pactado, así como de interpretación e seguimento. En caso de non chegarse a acordo na comisión, ambas partes sométense á competencia do SMAC e da xurisdición competente.

II.- TEMPO DE TRABALLO.

ARTIGO 6º. XORNADA.

A xornada laboral durante a vixencia do presente convenio será de 40 horas semanais.

Independentemente do anterior, os días 24 e 31 de decembro, atendendo á súa especial significación, redúcese a xornada efectiva de traballo de acordo cos seguintes criterios:

A xornada de traballo efectuarase entre as 9 e as 15 horas, cun descanso intermedio de 15 minutos que se considerará para todos os efectos como efectivo de traballo.

Esta redución horaria non será susceptible de recuperación noutras xornadas nin de compensación mediante a redución retributiva.

ARTIGO 7º. VACACIÓNS.

Os traballadores afectados polo presente convenio disfrutarán 30 días de vacacións anuais con independencia da súa categoría e antigüidade.

As vacacións se disfrutarán preferentemente nos meses de maio a setembro, quedando excluidas desta previsión aquelas empresas que, por desenvolver a súa actividade en zonas eminentemente turísticas, teñan unha acumulación de tareas no período sinalado.

ARTIGO 8º. LICENZAS RETRIBUÍDAS.

As empresas afectadas polo presente convenio concederán obrigatoriamente licenzas retribuídas como realmente traballadas aos seus operarios nos seguintes casos:

a).- Casamento do traballador: 20 días naturais ininterrompidos.

b).- Nacemento dun fillo: 3 días naturais, ampliables a cinco en caso xustificado.

c).- Enfermidade grave do cónxuxe: 3 días laborais que poderán ser prorrogados discrecionalmente pola dirección da empresa.

d).- Enfermidade grave de fillos e pais: 3 días naturais.

e).- Pasamento do cónxuxe: 5 días naturais.

f).- Pasamento de pais, avós, tíos, fillos : 4 días naturais.

g).- Pasamento, accidente ou enfermidade grave, hospitalización ou intervención quirúrgica sen hospitalización que precise reposo domiciliario, de parentes ata o segundo grado de consanguinidade ou afinidade: 2 días. Cando con tal motivo o traballador precise facer un desprazamento o prazo será de 4 días.

h).- Traslado do domicilio habitual: 1 día.

i).- Cumprimento dun deber inexcusable de carácter público e persoal, incluido o exercicio do sufragio activo: polo tempo indispensable.

j).- Realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que teñan que realizarse dentro da xornada de traballo: polo tempo indispensable.

k).- Lactancia de fillo menor de 9 meses: 1 hora de ausencia ó traballo, que poderá dividirse en dous fraccións.

A muller poderá sustituir este dereito por unha reducción da súa xornada en media hora ca mesma finalidade. Este permiso poderá ser disfrutado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de que ambos traballen.

l).- Nacemento de fillos prematuros ou que deban permanecer hospitalizados a continuación do parto: o pai ou a nai terán dereito a ausentarse do traballo durante 1 hora. Asimesmo terán dereito a reducila xornada de traballo ata un máximo de 2 horas ca disminución proporcional do salario.

ll).- O tempo necesario nos casos de asistencia a consulta do médico de cabecera da Seguridade Social sempre que coincida o horario de consulta co do traballo, debendo presenta-lo traballador ó empresario xustificante de ter asistido á consulta. Igualmente o tempo necesario nos casos de asitencia a consulta médica de especialista da Seguridade Social cando, coincidindo o horario de consulta co do traballo, se prescriba dita consulta polo facultativo de medicina xeral, debendo presenta- lo traballador o volante xustificativo da referida prescripción médica.

m).- Asuntos propios: 2 días, que non serán acumulables a vacacións nin festivos e que haberán de solicitarse, como norma xeral, con 7 días de antelación á data en que se pretenda o disfrute. Sen perxuizo de que non será preciso alegar razóns para solicitar esta licencia nin presentar xustificación algunha, a licencia de días de asuntos poderá denegarse motivadamente pola empresa en base a necesidades organizativas tales como que haxa traballadores de baixa ou vacacións ou coincidir co período de mais actividade na empresa.

A mayores, co fin de posibilitar o disfrute dos traballadores adicados a actividade de distribución de Butano do 1 de xullo, festa patronal do sector, entenderase tal xornada como licenza retribuída.

Nos supostos non previstos neste artigo estarase ao disposto no texto refundido do Estatuto dos Traballadores.

ARTIGO 9º. EXCEDENCIAS.

a) Excedencia voluntaria.- De conformidade co establecido no artigo 46 do Estatuto dos Traballadores o persoal afecto polo presente convenio que conte cunha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo no menor a 4 meses e no mayor a 5 anos. Este dereito non poderá ser exercitado ata transcorridos catro anos dende o remate da última excedencia.

b) Excedencia por coidado de fillos ou parentes.- Do mesmo xeito o persoal terá dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atender ao coidado de cada fillo natural ou adoptivo, así como por acollemento, a contar dende a data do nacemento ou, no seu caso, da resolución judicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia, non superior a 2 anos, os traballadores para atender ó cuidado dun parente ata o segundo grado de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente, enfermedade ou discapacidade, no poda valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuida.

As excedencias contempladas neste apartado poderán disfrutarse de xeito fraccionado, serán computables a efectos de antigüedade e dan lugar a reserva do posto de traballo durante o primeiro ano (15 meses no caso de familia numerosa de categoría xeral e 18 meses no caso de familia numerosa de categoría especial); transcurridos ditos prazos, a reserva queda referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

c) Excedencia por exercicio de funcións sindicais de ámbito provincial ou superior.- Así mesmo poderán solicitar a situación de excedencia os/as traballadores/as que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

ARTIGO 10º. SUSPENSIÓN DO CONTRATO POR PATERNIDADE.

Nos supostos de nacemento de fillo, adopción ou acollemento, o traballador terá dereito á suspensión do contrato durante 13 días ininterrumpidos, ampliables no caso de parto, adopción ou acollemento múltiple a 2 días mais por fillo a partir do segundo.

Esta suspensión é independente do disfrute compartido dos períodos de descanso por maternidade, poderá ser disfrutada en réximen de xornada parcial previo acordo entre empresario e traballador e dará dereito e dará dereito ó cobro do subsidio ou prestación económica por paternidade, a aboar por el INSS, nos termos legalmente previstos.

III.- RETRIBUCIÓNS.

ARTIGO 11º. INCREMENTO SALARIAL.

O incremento salarial para cada un dos anos de vixencia do convenio será o que a continuación se indica:

1999: 2,9% sobre as táboas do ano 1998

2000: 4% sobre as táboas do ano 1999

2001: 2,7% sobre as táboas do ano 2000

2002: 4% sobre as táboas do ano 2001

2003: 2,6% sobre as táboas do ano 2002

2004: 3,2% sobre as táboas do ano 2003

2005: 3,7% sobre as táboas do ano 2004

2006: 2,7% sobre as táboas do ano 2005

2007: 2% sobre as táboas do ano 2006 [incremento inicial]

2008: IPC previsto polo goberno para o ano 2008 sobre as táboas, no seu caso revisadas, do ano 2007 [incremento inicial]

ARTIGO 12º. CLÁUSULA DE REVISIÓN.

Estabrécese, para o ano 2007, unha cláusula de revisión de xeito que, no suposto de que o IPC real estatal a 31 de decembro de 2007 rexistrase un incremento, con relación á mesma data de 2006, superior ao 2%, efectuarase unha revisión salarial sobre os conceptos da táboa salarial do ano 2007 igual ao exceso da indicada cifra e con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2007.

Da mesma forma estabrécese, para o ano 2008, unha cláusula de revisión de xeito que, no suposto de que o IPC real estatal a 31 de decembro de 2008 rexistrase un incremento, con relación á mesma data de 2007, superior ao IPC previsto polo Goberno para o 2008, efectuarase unha revisión salarial sobre os conceptos da táboa salarial do ano 2008 igual ao exceso da indicada cifra e con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2008.

ARTIGO 13º. SOLDO BASE.

Para cada un dos ano de vixencia do Convenio, os salarios base, segundo categoría, quedan establecidos de acordo coas táboas salariais anexas, que recollen os incrementos do artigo 10º para cada un dos anos de vixencia.

ARTIGO 14º. PLUS DE TRANSPORTE.

Todos os traballadores afectados polo presente convenio percibirán, en concepto de plus de transporte, a cantidade que, para cada un dos anos de vixencia, se establece nas táboas salariais anexas, que recollen os incrementos do artigo 10º para cada un dos anos.

Ós efectos anteriores, se sinala en cada táboa salarial, o importe do plus de transporte por día efectivo de traballo, e asimismo a cuantía mensual mínima do plus de transporte para o operario sen faltas de asistencia ao traballo inxustificadas.

Establecese o seguinte cadro de penalizacións:

– Por dúas faltas inxustificadas, perderase o plus de tres días.

– Por catro faltas inxustificadas, perderanse 7 días de plus.

– Por cinco faltas inxustificadas, perderase todo o plus de transporte dun mes.

O plus de transporte percibirase por todos os traballadores calquera que sexa o desprazamento a realizar dende o seu domicilio dentro do municipio ao centro de traballo e os medios de transporte utilizados.

ARTIGO 15º. PLUS DE ASISTENCIA E ACTIVIDADE.

Todos os traballadores afectados polo presente convenio percibirán, en concepto de plus de asistencia e actividade, a cantidade que, para cada un dos anos de vixencia, se establece nas táboas salariais anexas, que recollen os incrementos do artigo 10º para cada un dos anos.

Ós efectos anteriores, se sinala en cada táboa salarial o importe do plus de asistencia e actividade por día efectivo de traballo.

En calidade de plus de actividade, para ser percibido por aqueles que teñan baixo a súa responsabilidade directa o reparto de butano, estes terán que repartir na xornada laboral correspondente a 1 día a cantidade de 70 bombonas tipo familiar, en entrega domiciliaria.

Para que a empresa poida esixir tal rendemento no traballo terá que selo en condicións óptimas, tanto no referido a climatoloxía, estado do vehículo, estado do operario, así como tampouco poderá ser esixido cando as causas que motivan un reparto inferior ao aquí pactado sexa por causas alleas ao traballador.

O plus de asistencia e actividade será percibido durante as vacacións e todas as pagas extras e durante a situación de I.T.

ARTIGO 16º. PLUS DE LONGO PERCORRIDO.

Aqueles condutores que realicen distancias superiores a 25 quilómetros, percibirán un plus de longo recorrido na cuantía mensual que, para cada un dos anos de vixencia, se establece nas táboas salariais anexas, que recollen os incrementos do artigo 10º para cada un dos anos.

ARTIGO 17º. PLUS QUEBRANTO DE MOEDA.

Aqueles traballadores que efectúen operacións monetarias por encargo da empresa terán unha compesación económica mensual en concepto de quebranto de moeda na cuantía que, para cada un dos anos de vixencia, se establece nas táboas salariais anexas, que recollen os incrementos do artigo 10º para cada un dos anos.

ARTIGO 18º. PAGAS EXTRAORDINARIAS.

As percepcións salariais que teñen este carácter quedan fixadas, a partir deste convenio en tres coa contía seguinte:

As correspondentes ao 25 de xullo (Día da Patria Galega), e Nadal serán aboadas como unha mensualidade de 30 días cada unha de salario base, incrementándose tamén co plus de asistencia actividade e antigüidade.

En concepto de participación dos beneficios, as empresas aboarán a os seus traballadores, anualmente, dentro do primeiro trimestre do exercicio económico seguinte, o importe dunha mensualidade de salario base, incrementada co plus de asistencia de actividade e antigüidade.

IV.- ACCIÓN SOCIAL.

ARTIGO 19º. XUBILACIÓN ESPECIAL ÓS 64 ANOS.

Os traballadores con 64 anos cumpridos, incluídos no ámbito persoal deste convenio, que desexen acollerse á xubilación co 100% dos dereitos poderán facelo, quedando as empresas na obriga de contratar outro traballador perceptor das prestacións de desemprego a través de calquera das modalidades de contratación previstas na lexislación vixente en cada momento; exceptuaranse as contratacións a tempo parcial e as temporais terán unha duración mínima en calquera caso, superior a un ano e tendendo ao máximo legal respectivo.

ARTIGO 20º.- XUBILACIÓN PARCIAL.

Ao amparo do artigo 166.2º da Lei da Seguridade Social e do artigo 12.6º do Estatuto dos Traballadores, reconócese ós traballadores o dereito a pasar a situación de xubilación parcial con reducción da xornada, sempre que reúnan os requisitos, e idade e outros, legalmente exixidos.

Se o traballador que pretende a xubilación parcial conta entre 60 e 64 anos de idade, a empresa haberá de suscribir, simultáneamente á reducción de xornada do xubilado, un contrato de relevo cun traballador desempregado ou cun traballador ligado á empresa por contrato temporal, para a sustitución de aquél, a lo menos, na parte da xornada deixada vacante.

Ós efectos de que a empresa poida cumplir cas súas obligacións de modo axeitado, o traballador interesado na xubilación parcial haberá de comunicalo á empresa cunha antelación mínima de tres meses á data efectiva de xubilación parcial.

O traballador xubilado parcialmente e a empresa poderán acordar a acumulación da parte da xornada na que o xubilado continúa a traballar. No caso de que o traballador se xubile cunha reducción de xornada inferior ó 50% a acumulación terá lugar sempre que a empresa estea interesada nela.

ARTIGO 21º. PREMIO DE XUBILACIÓN.

Os traballadores que na data da súa xubilación, leven prestados 10 anos de servizo na empresa terán dereito ó disfrute de vacacións retribuidas nas seguintes duracións:

– Aos 65 anos: 1 mensualidade.

– Aos 64 anos: 2 mensualidades.

– Aos 63 anos: 3 mensualidades.

– Aos 62 anos: 4 mensualidades.

– Aos 61 anos: 5 mensualidades.

– Aos 60 anos: 6 mensualidades.

ARTIGO 22º. BAIXA POR ENFERMIDADE OU ACCIDENTE.

No caso de enfermidade do traballador, as empresas aboarán un complemento salarial entre o total do soldo base, antigüidade, máis o plus de asistencia e actividade e o percibido polo traballador na prestación correspondente ata completar o 100%. Esta medida será aplicada naqueles supostos nos que a enfermidade provoque a baixa do traballador por máis de 30 días naturais.

As baixas provocadas por accidente conlevarán o pago do 100% do salario bruto resultante dos conceptos establecidos no presente convenio, por parte desta , dende o 1º día. A empresa reservarase o dereito de comprobar mediante un médico que ela designe a realidade da situación da I.T., correndo pola súa conta tales comprobacións que se poderán efectuar cantas veces quixera.

No suposto de Incapacidade Temporal por maternidade en aplicación do disposto na Lei Xeral da Seguridade Social as traballadoras percibirán, dende o primeiro día e mentres subsista esta situación, o 100% da base reguladora.

ARTIGO 23º. SEGURO DE INVALIDEZ E MORTE POR ACCIDENTE DE TRABALLO.

As empresas dotarán a tódolos traballadores afectados polo presente convenio dunha póliza de seguros, polos valores seguintes, independentemente das indemnizacións que puideran corresponder:

– Por morte do traballador: 18.025 euros.

– En caso de que un accidente de traballo provoque a invalidez total ou absoluta do traballador: 24.035 euros.

O cobro da póliza asignada ó suposto de morte do traballador será percibido pola persoa ou persoas designadas por este con antelación.

Os incrementos na cobertura da póliza á que se fai referencia neste artigo con relación os importes do Convenio anterior, serán efectivos dende a formalización polas empresas das novas pólizas conforme ás novas cuantías. En todo caso as empresas disporán dun prazo de dous meses a partir da publicación do Convenio en boletín oficial para formalizar as novas contías.

V.- DISPOSICIÓNS VARIAS.

ARTIGO 24º. CONTRATACIÓN.

No uso da posibilidade prevista na Lei 63/1997, no ámbito de aplicación do presente convenio poderanse concertar os contratos eventuais previstos no artigo 15.1.b) do Real Decreto Lexislativo 1/1995 cunha duración máxima de 12 meses dentro dun período de 18 meses. No caso de concertarse tales contratacións por prazo inferior a 12 meses, poderán ser prorrogados mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo.

A posibilidade de concertar contratos eventuais dos previstos no artigo 15.1.b) do Real Decreto Lexislativo 1/1995 coa duración máxima prevista no presente artigo non poderá empregarse para os casos dos contratos concertados por tempo inferior a 12 horas semanais ou 48 horas mensuais.

ARTIGO 25º. ROUPA DE TRABALLO (INVERNOVERÁN).

As empresas entregarán aos traballadores a roupa de traballo necesaria para a realización dos traballos encomendados, segundo o seguinte criterio:

Dous equipos ao entrar na empresa e un máis cada catro meses.

Non obstante, tendo en conta as condicións climatolóxicas da zona na tempada de inverno, entre o 15 de setembro e o 30 de abril, as empresas dotarán aos seus operarios do material de traballo preciso e bastante para o seu desenvolvemento . Tal material será, como mínimo, un par de luvas, botas e traxe de augas. todo coas características de calidade, forma e cor esixidas legalmente.

ARTIGO 26º. CLASIFICACIÓN DO PERSOAL.

A clasificación dos operarios afectados polo presente convenio será como segue:

a) Persoal administrativo, composto por : encargado xeral, encargado de almacén, xefe de negociado, oficial de primeira, oficial de segunda, auxiliar administrativo, cobrador.

b) Persoal operario: Condutor de camión pesado, condutor de camión de reparto, mecánico-visitador, mecánico -instalador, condutor de carretilla elevadora, mozo de reparto, mozo de almacén, garda.

c) Persoal auxiliar: Limpadora.

Para aquelas funcións excluídas da presente clasificación, estarase ao disposto na regulamentación estatal de traballo aplicable

ARTIGO 27º. CONDICIÓNS MÁIS BENEFICIOSAS.

Manteranse as condicións máis beneficiosas nas empresas en canto superen, no seu conxunto, as especificadas neste convenio.

ARTIGO 28º. GARANTÍAS NO CASO DE RETIRADA DO CARNÉ DE CONDUCIR.

O operario que desenvolve traballos de condutor, ou que teña que conducir para desempeñar o seu traballo, terá garantido, no caso que lle sexa retirado o carné de conducir e mentres dure a sanción, que se lle teña en excedencia forzosa (non motivando deste xeito causa xusta de despido).

Tal medida non se aplicará no suposto de que tal situación protexida sexa retirada, superior a un ano ou motivada por intoxicación etílica manifiesta.

ARTIGO 29º. CRÉDITO DE HORAS SINDICAIS.

Os delegados de persoal, nas empresas de menos de cen traballadores, poderán dispoñer dun crédito de 16 horas sindicais cada mes para realizaren as tarefas que se sinalan no Estatuto dos traballadores, horas que serán retribuídas de acordo con esta lei, e dicir, como realmente traballadas.

ARTIGO 30º. TABOLEIRO DE ANUNCIOS.

As empresas poñerán, en lugar visible para todos os traballadores, un taboleiro de anuncios a disposición dos delegados de persoal e dos sindicatos aos que pertenzan para inserir o convenio colectivo, calendario laboral e demais temas de interese laboral e sindical.

ARTIGO 31º. COMISIÓN DE FORMACIÓN PROFESIONAL.

As partes asinantes deste convenio acordan constituír unha Comisión Paritaria de Formación Profesional, integrada por 2 representantes da central sindical asiante do convenio (CIG) e 2 representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Distribución de Butano.

Serán funcións desta Comisión:

* Requirir das Administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión como interlocutor social sectorial, que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiación oficial que afectan ao sector de Distribución de Butano, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha, como nos que se poden programar en diante.

* Elaborar estudos sobre necesidades para conseguir a homologación das cualificacións profesionais no sector para chegar a definir a organización e a súa programación, tanto ocupacional como regrada (observatorio ocupacional).

* Elaborar plans formativos necesarios para conseguir a homologación das cualificacións profesionais de traballadores técnicos, administrativos e manuais, cos seus equivalentes na Comunidade Económica coa entrada en vigor do Mercado Único.

* Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ao desenvolvemento e mellora da Formación Profesional no sector na provincia de Lugo.

CLÁUSULA ADICIONAL PRIMEIRA.

Para o abono dos atrasos derivados do presente convenio, e tendo en conta os anos xa transcurridos da súa vixencia, se establece o seguinte:

1. As empresas haberán de regularizar os salarios correspondentes ó ano 2007 -abonando os correspondentes atrasos- con efectos retroactivos do 1 de xaneiro deste ano, no prazo de dous meses a contar dende a publicación do Convenio no Boletín Oficial.

2. As empresas haberán de regularizar os salarios correspondentes ós anos 1999, 2000, 2001 e 2002 -abonando os correspondentes atrasos- antes de que finalice o ano 2007.

3. As empresas haberán de regularizar os salarios correspondentes ós anos 2003 e 2004 -abonando os correspondentes atrasos- antes de que finalice o ano 2008.

4. As empresas haberán de regularizar os salarios correspondentes ós anos 2005 e 2006 -abonando os correspondentes atrasos- antes de que finalice o ano 2009.

CLÁUSULA ADICIONAL SEGUNDA. Cambio de ámbito de aplicación.

Serán de aplicación as medidas previstas legalmente durante a vixencia do presente convenio, sendo preciso o acordo expreso de ambas partes asinantes para que o Convenio de Distribución de Butano Provincial de Lugo puidese verse afectado por un ámbito de aplicación maior ou menor.

CLÁUSULA ADICIONAL TERCEIRA. Compromiso de negociación.

Ambas partes comprométense a renegociar no sucesivo, o presente convenio no primeiro trimestre posterior ao seu vencemento.

A partir do 1º de xaneiro de 2009, as empresas comprendidas no ámbito deste convenio, aboaran aos seus operarios un anticipo equivalente ao 1% dos salarios mensuais deste convenio, por conta dos incrementos que se pacten para 2009.

CLÁUSULA ADICIONAL COARTA.- AGA.

As partes asinantes deste convenio consideran o Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA) como a canle axeitada para a solución dos conflitos colectivos laborais.

TABLAS SALARIALES.

REVISIÓN SALARIAL Y CORRECCIÓN (BOP Núm. 112 – Viernes, 16 de Mayo de 2008)

Exp. 014-2007 (Código 2700015) (REVISIÓN).

Visto o acordo para a revisión das táboas salariais para o ano 2007 e a actualización das mesmas para o ano 2008 do convenio colectivo para o sector “DISTRIBUCIÓN DE BUTANO”, da provincia de Lugo, asinado o día 19 de abril de 2008, pola representación da Asociación Provincial de Empresarios de Distribución de Butano de Lugo, e das centrais sindicais CIG (50,0%), UGT (50,0%), e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2 e 3 do Real Decreto Lexislativo 1/95, do 24 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, e no Real Decreto 1.040/81, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

ESTA DELEGACIÓN PROVINCIAL, ACORDA:

PRIMEIRO: Ordena-la inscrición da revisión para o ano 2007 e as táboas para o 2008 do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta Delegación, así como o seu depósito.

SEGUNDO: Remiti-lo texto da revisión do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

TERCEIRO: Dispoñe-la súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Lugo, 7 de maio de 2008.- O DELEGADO PROVINCIAL, José Miguel Vázquez Calvo.

ASISTENTES

Pola Asociación Provincial de Empresarios de Distribución de Butano de Lugo

ARTURO GONZÁLEZ FERNÁNDEZ.

JAIME PAZ AMADO.

ANTONIO GARCÍA FERNÁNDEZ.

Polas Centrais Sindicais:

CIG [50%].

MANUEL LÓPEZ RAMOS.

MANUEL LUIS TEIJEIRO DÍAZ.

GUILLERME REI ROUCO (Suplente).

UGT [50%].

ANTONIO VIÑAS ARIAS.

MARIO DOCASAR DOCASAR.

ACTA.

En Lugo, sendo as 17:00 horas do día 19 de abril de 2008, reúnense nos locais da Confederación de Empresarios de Lugo (Pz. Santo Domingo, nº. 6-8, 2º) as persoas á marxe relacionadas, membros todas elas da Comisión Negociadora do Convenio Colectivo Provincial de Distribución de Butano de Lugo, co obxeto de aprobar a táboa salarial revisada do ano 2007 e a táboa salarial do ano 2008 conforme ó pactado nos artigos 11º e 12º do Convenio en vigor, adoptándose, logo das deliberacións oportunas, os seguintes ACORDOS:

Primeiro.- Aprobar a táboa salarial revisada do ano 2007 do Convenio Colectivo Provincial de Distribución de Butano de Lugo conforme ó previsto no artigo 12º do Convenio en vigor.

Segundo.- Aprobar a táboa salarial do ano 2008 do Convenio Colectivo Provincial de Distribución de Butano de Lugo conforme ó previsto no artigo 11º do Convenio en vigor.

Terceiro.- Correxir erro detectado no texto do Convenio Colectivo Provincial de Distribución de Butano de Lugo con vixencia dende o 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro de 2008 consistente na omisión, no artigo 18 do texto do Convenio que leva por rúbrica pagas extraordinarias, dun párrafo que pasaría a ser o párrafo final de dito artigo.

Conforme o sinalado, engádese ó Artigo 18 do Convenio Colectivo Provincial de Distribución de Butano de Lugo un párrafo final do seguinte tenor literal:

“A mayores, os traballadores afectados polo presente convenio percibirán no mes de outubro unha gratificación extraordinaria equivalente a 10 días de salario base máis antigüidade e plus de asistencia e actividade.”

Cuarto.- Os atrasos por diferencias de salarios consecuencia da aprobación das táboas salariais anteriores aboaránse ós traballadores no prazo de dous meses dende a publicación das mesmas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

Quinto.- Remitir a presente acta, así como as táboas salariais aprobadas, á Autoridade Laboral competente ós efectos legais oportunos.

E en proba de conformidade, firman a presente acta as persoas á marxe relacionadas en lugar e data indicados no encabezamento.

Fdo.: Arturo González Fernández; Jaime Paz Amado; Antonio García Fernández; Manuel López Ramos; Manuel L. Teijeiro Díaz; Guillermo Rei Rouco; Antonio Viñas Arias; Mario Docasar Docasar.